venres, 8 de maio de 2015

IV ROLDA - CAMPIONATO IBÉRICO - A CORUÑA.


Este sábado o Pontevedra FG disputará a IV rolda do Campionato Ibérico de Fútbol Gaélico na cidade da Coruña. Tratarase dun campionato moi especial para o club xa que por primeira vez serán tres os equipos que representarán o Pontevedra Fútbol Gaélico.

O equipo feminino enfrontarase na fase de grupos ao Madrid Harps e ao Estrela Vermelha nun grupo moi complicado no que as pontevedresas tentarás dar a sorpresa.



Por outra banda, o Pontevedra FG masculino terá como rivais de grupo aos Irmandinhos da Estrada e ao Keltoi Vigo.

Por último o filial masculino, o Sean Droichead, disputará os seus partidos fronte o Estrela Vermelha e os anfitrións Fillos de Breogán.



Todo listo para gozar dunha nova festa do fútbol gaélico galego.

Adiante guerreir@s, LUME!


luns, 27 de abril de 2015

VICTORIA DO EQUIPO MASCULINO E DERROTA DO FEMININO.

A última xornada da Liga Galega de Fútbol Gaélico deparou unha vitoria no derby ante o Mecos FG por 3-8 a 3-14 do equipo masculino, e unha derrota por 11 puntos de diferencia do equipo feminino. 

Con estes resultados remata a liga regular para o Pontevedra FG, onde o equipo feminino (que debutaba esta tempada) acadaría a sexta posición, namentres que o masculino voltaría repetir a quinta posición da tempada anterior. Aínda sen valoración oficial, os resultados antóllanse bastante discretos comparados co obxectivo mínimo marcado polo mes de agosto.

Toca seguir traballando para os Campionatos Ibéricos da Coruña e de Valencia, onde o club tentará estar presente, así como facer un bo papel na Copa Galega.

Lume!

xoves, 16 de abril de 2015

3ª RONDA – TORNEO IBÉRICO DE FÚTBOL GAÉLICO – BARCELONA


O equipo masculino do Pontevedra FG partirá este venres cara terras catalás para disputar en Barcelona, durante o día do sábado, a terceira ronda do Torneo Ibérico de Fútbol Gaélico. 

Cabe destacar que se trata do maior desprazamento da historia do club, e que se ben disputou outras rondas do mesmo torneo, nunca o fixo a tanta distancia da súa cidade. O que se cadra, outorga unha maior importancia a este evento.

Os oito equipos participantes son divididos en dous grupos de catro, dos cales só os dous primeiros clasificados avanzan á seguinte ronda. Nesa fase de grupos os pontevedreses enfrontaranse aos anfitrións, os Barcelona Gaels, aos Irmandinhos da Estrada, e aos Sitges Eagles. Sen dúbida, un complexo grupo no que os da Cidade Condal e os da Estrada parten coma favoritos, mais no que o Pontevedra non porás as cousas fáciles.

Para o PFG o mero feito de poder participar é xa un éxito coma club, tendo en conta especialmente os poucos ingresos e axudas cos que se contan, provocando que os gastos de viaxe e participación neste tipo de eventos deban ser aboados case exclusivamente polos propios xogadores. Aínda así, a ilusión e máxima de cara a facer un bo torneo.

LUME!

martes, 31 de marzo de 2015

1000 SEGUDORES NA NOSA PÁXINA DE FACEBOOK!


Grazas a vós, hoxe xa superamos os 1000 SEGUIDORES!

Moitas grazas aos nosos siareiros por facer isto posíbel!

E por suposto, grazas aos nosos patrocinadores Trofegal, Chema Sport, Foto Alameda, Chocolatería-Croisantería Bicos, Encuadernaciones Códex, Dejavi Tapería, Cafetería Robert's e Blossom Café-Terraza, sen os cales nin sequera poderíamos saír á competición.

GRAZAS A TODOS!

domingo, 29 de marzo de 2015

O PFG DECEPCIONA NO CAMPIONATO IBÉRICO DA ESTRADA.

Decepcionante é, canto menos, como se podería definir o resultado acadado na Estrada polos equipos do Pontevedra FG.

Polo cadro masculino, o PFG non pasou da antepenúltima posición rozándose por momentos incluso unha debacle maior. 

Comezaba o torneo cunha derrota ante os Barcelona Gaels. Nun partido que os de verde iniciaban ben posicionados e contragolpeando con perigo, todo se torceu na segunda metade a partires dun parón de case media hora a causa dunha grave lesión dun xogador do equipo catalán. De aí en adiante non houbo partido, os de Barcelona fixéronse co control e venceron sen problemas.

No segundo encontro, fronte aos Mecos do Grove, nun partido que xa se está a converter en todo un clásico, unha nefasta primeira metade dos pontevedreses, na que os Mecos se mostraron tremendamente superiores, condeounos á derrota a pesar do intento de remontada dos últimos minutos.

Xa fora de loitar por nada importante, quedaba pelexar só polo noveno posto. A primeira e única victoria do día por parte do Pontevedra chegaba fronte ao Keltoi de Vigo, non sen que os vigueses desen máis de un susto.

No derradeiro partido, os da cidade do Lérez se enfrontaban aos Ártabros de Oleiros coa novena posición en xogo. Os pontevedreses fixeron o peor partido que se lles recorda nos últimos tempos, caindo estrepitosamente fronte a un equipo que sobre o papel se antoxaba inferior, mais que sobre o campo se mostrou moi superior de principio a fin.

En canto ao Pontevedra FG feminino, debutantes nun torneo destas características, as baixas de xogadoras importantes así coma a dificultade do grupo, no que se enfrontaron entre outras ás dúas finalistas, provocaron que só puidese alcanzar o séptimo posto.

No primeiro partido, as finalistas Filhas de Breogán mostráronse moi superiores ás de Pontevedra, apañando estas últimas unha derrota por 5-5 (20) a 0-1 (1).

O segundo xogo destacouse pola sua igualdade. As pontevedresas enfrontábanse ás Mecas, coas que caían por 0-6 (6) a 1-1 (4), nun partido que se decidiu nos últimos instantes e que puido levarse calquera dos dous conxuntos.

No último encontro da fase de grupos, o PFG caía con claridade antes as campioas Irmandinhas da Estrada.

Na loita polo séptimo posto o Pontevedra FG desfíxose sen demasiadas dificultades do Auriense FG, na que sería a única victoria do día do equipo feminino, acadando finalmente un séptimo posto de certo mérito debido ás dificultades engadidas superadas así coma á súa condición de debutante, mais que non acada as expectativas xeradas durante a liga.

xoves, 26 de marzo de 2015

CAMPIONATO IBÉRICO DE A ESTRADA.


E agora si, logo de deixar atrás a xornada ligueira entre semana, os equipos do Pontevedra FG céntrase xa, exclusivamente, no próximo compromiso. Nin máis nin menos que o Campionato Ibérico que este sábado 28 de marzo se disputa na Estrada.

Clubes vidos desde todos os puntos da Península non porán nin moito menos doadas as cousas a un Pontevedra que, no caso masculino, ven de dar unha boa imaxe en Vigo, e no caso feminino, que debuto nun torneo destas características.

No cadro masculino, o PFG enfrontarase na fase de grupos ao Barcelona Gaels e ao Mecos FG. Pola contra, no cadro feminino, as de pontevedra enfrontaranse ás anfitrioas de Irmandinhas, ás Filhas de Breogán e ás Mecas de O grove.

Para o Pontevedra FG é un paso importantísimo para asentar definitiva e especialmente ao equipo feminino, que xa disputa por primeira vez a Liga Galega, e que competirá tamén por vez primeira neste tipo de campionato.

Tratarase ademais, e coma sempre, dunha nova festa do fútbol gaélico galego, ao ser precisamente os clubes galegos ampla maioría neste campionato e continuar a crecer o formarse novos equipos en moitas vilas do país.

LUME!