domingo, 29 de marzo de 2015

O PFG DECEPCIONA NO CAMPIONATO IBÉRICO DA ESTRADA.

Decepcionante é, canto menos, como se podería definir o resultado acadado na Estrada polos equipos do Pontevedra FG.

Polo cadro masculino, o PFG non pasou da antepenúltima posición rozándose por momentos incluso unha debacle maior. 

Comezaba o torneo cunha derrota ante os Barcelona Gaels. Nun partido que os de verde iniciaban ben posicionados e contragolpeando con perigo, todo se torceu na segunda metade a partires dun parón de case media hora a causa dunha grave lesión dun xogador do equipo catalán. De aí en adiante non houbo partido, os de Barcelona fixéronse co control e venceron sen problemas.

No segundo encontro, fronte aos Mecos do Grove, nun partido que xa se está a converter en todo un clásico, unha nefasta primeira metade dos pontevedreses, na que os Mecos se mostraron tremendamente superiores, condeounos á derrota a pesar do intento de remontada dos últimos minutos.

Xa fora de loitar por nada importante, quedaba pelexar só polo noveno posto. A primeira e única victoria do día por parte do Pontevedra chegaba fronte ao Keltoi de Vigo, non sen que os vigueses desen máis de un susto.

No derradeiro partido, os da cidade do Lérez se enfrontaban aos Ártabros de Oleiros coa novena posición en xogo. Os pontevedreses fixeron o peor partido que se lles recorda nos últimos tempos, caindo estrepitosamente fronte a un equipo que sobre o papel se antoxaba inferior, mais que sobre o campo se mostrou moi superior de principio a fin.

En canto ao Pontevedra FG feminino, debutantes nun torneo destas características, as baixas de xogadoras importantes así coma a dificultade do grupo, no que se enfrontaron entre outras ás dúas finalistas, provocaron que só puidese alcanzar o séptimo posto.

No primeiro partido, as finalistas Filhas de Breogán mostráronse moi superiores ás de Pontevedra, apañando estas últimas unha derrota por 5-5 (20) a 0-1 (1).

O segundo xogo destacouse pola sua igualdade. As pontevedresas enfrontábanse ás Mecas, coas que caían por 0-6 (6) a 1-1 (4), nun partido que se decidiu nos últimos instantes e que puido levarse calquera dos dous conxuntos.

No último encontro da fase de grupos, o PFG caía con claridade antes as campioas Irmandinhas da Estrada.

Na loita polo séptimo posto o Pontevedra FG desfíxose sen demasiadas dificultades do Auriense FG, na que sería a única victoria do día do equipo feminino, acadando finalmente un séptimo posto de certo mérito debido ás dificultades engadidas superadas así coma á súa condición de debutante, mais que non acada as expectativas xeradas durante a liga.

Ningún comentario:

Publicar un comentario