xoves, 26 de marzo de 2015

VICTORIA DO PONTEVEDRA FG NA SÚA SAÍDA A VIGO.

O Pontevedra Fútbol Gaélico impúxose con autoridade por 4-5 (17) a 8-8 (32) ao Uvigo FG na noite do mércores.

Nun Campo de Cerqueiras en boas condicións, os da cidade do Lérez fixeron valer a súa intensidade defensiva e velocidade no ataque para levarse un partido disputado na primeira metade, e de clara superioridade verde na segunda.

Aínda así, os constantes erros na finalización dos visitantes permitiron que os de Vigo se achegasen no marcador mantendo a igualdade até o comezo da segunda metade, cando xa si, os de Pontevedra fixéronse co control e se mostraron superiores até o final.

Esta victoria sitúa aos pontevedreses quintos na clasificación, a falta de unha xornada para o remate, con opcións de obter a cuarta praza, e dalles moral para afrontar o duro Campionato Ibérico que este sábado disputarán na Estrada.

venres, 13 de marzo de 2015

UVIGO - PFG, MÉRCORES 25 ÁS 22:00


Xa temos data e hora para o crucial partido que enfrontará aos nosos rapaces fronte aos debutantes do UVigo FG. Será o mércores 25 de Marzo, ás 22:00 hora, no Campo de Cerqueirás, na localidade pontevedresa de Mos.

Os da cidade do Lérez afrontarán o partido, tras un parón de varias semanas, coa idea de alonxarse definitivamente dos postos perigosos da clasificación e, ademais, como preparación para o Campionato Ibérico que esa mesma fin de semana disputarán na Estrada.

#Lume, e a por eles!

luns, 9 de marzo de 2015

2 ANOS DE HISTORIA!

Hoxe o noso Pontevedra Fútbol Gaélico cumpre 2 anos de historia!!

Quen o ia dicir cando adestrabamos no Patatal Stadium polas mañás para ter luz, mais pendentes de evitar as pedras e buracos e de que os balóns non caisen á autoestrada que de outra cousa...

Pois aquí estamos! Dous anos xa, e os que quedan.


LUME!


luns, 10 de novembro de 2014

CRÓNICA DA CUARTA XORNADA DA LIGA GALEGA

AURIENSE FG 1-9 (12) - PONTEVEDRA FG 3-1 (10).

Nunha tarde fría e chuviosa, e nun campo da Baiuca en moi malas condicións, as rapazas do Pontevedra FG caían derrotadas pola mínima na súa visita ao Auriense FG.

Comezaba o partido con claro dominio pontevedrés. As da cidade do Lérez tiñan a posesión do balón e chegaban con perigo á meta rival, mais sen lograr materializar ningunha das oportunidades, o cal rematarían por pagar. Nun despiste defensivo das pontevedresas chegaba o primeiro tanto do partido, na súa primeira arpoximación, o conxunto ourensán conseguía adiantarse no marcador.

O partido continuaba baixo dominio visitante, mais ese tanto en contra fixo medrar as dúbidas no Pontevedra, o cal sería aproveitado polo Auriense para anotar dous tantos máis e un gol, distanciándose no marcador. Curiosamente, isto faría reaccionar ás de Pontevedra, que nos últimos intres da primeira metade conseguirían acadar o empate. Chegaríase ao descansocun empate a 6 no marcador.

O segundo tempo sería similar ao primeiro, nun terreo de xogo cada vez en piores condicións por mor da choiva e do paso dos minutos, as pontevedresas sairían decididas a pola victoria na segunda metade. O dominio era claro, o balón rondaba sempre a portería local, cabe destacar aquí a gran actuación da porteira ourensá que evitou varios tantos claros que sen dúbida moificarían o resultado final.

Entraba o partido nuns minutos sen dono, un toma e daca con puntos para os dous conxuntos e que remataría por favorecer ás locais. A falta de escasos minutos para o final, co partido empatado, as de Pontevedra encetaron un acoso constante sobre a portería local, mais a falta de acerto unhas veces, e a mala sorte noutras, faría que o marcador das de verde xa non se movese.

Nos derradeiros intres, as ourensás acadaban dous tantos que lles serviría finalmente para lograr a vitoria.

As de Pontevedra sitúanse quintas clasificadas na Liga galega.

ÁRTABROS FG  4-2 (14) - PONTEVEDRA FG 2-11 (17).

Coa torre de Hércules como testemuña, comezaba a cuarta xornada da Liga Galega de Fútbol Gaélico. O vento do norte traía unha chuiva lene, que en pleno mes de novembro estaba lonxe de ser refrescante.
 Os rapaces do Pontevedra Fútbol Gaélico e os Ártabros de Oleiros encaraban este encontro empatados a dous puntos e coa necesidade de puntar. Os visitantes querían acadar a súa segunda vitoria consecutiva logo de gañar na casa ao Bráithreachas da Estrada, e afrontaron o partido co mesmo esquema táctico ca no anterior: un 3-5-2 cun rombo no medio co que recuperar e mover o balón no centro do campo, e a partir de aí distribuír de cara á meta. O Ártabros dispuxo os seus xogadores ben abertos, co propósito de romper as filas pontevedresas, pero os verdes mantiveron ben a posición e obrigaron aos locais a pechar as súas liñas.

 O primeiro tanto do encontro chegou da man de Nano, que desde fóra da área chutou coa perna dereita e asegurou o punto. Os Ártabros buscaron ao seu dianteiro Rubén, que viña de anotar dezasete puntos no encontro anterior. Así, anotou o primeiro tanto entre paus, levando o empate ao marcador. Logo dunha recuperación de balón na área propia, o Ártabro lanzou un contraataque rápido en superioridade numérica que rematou cun gol por baixo. Os pontevedreses recuperáronse e empataron de novo cun gol de Natxo. Estevo mandou un balón ao pau que puido supor a vantaxe para os pontevedreses, pero os Ártabros meteron outro gol e outro tanto. O partido chegaba ao descanso bastante igualado, cun marcador de 2-2 (8) para os Ártabros e 1-1 (4) para o Pontevedra. 

Parou a choiva e apareceu o arco da vella, e trala reanudación os pontevedreses saíron dispostos a remontar, mais sen tolear. Combinaron no campo xogadores con maior experiencia con outros menos curtidos, pero con igual ou maior afouteza e ganas. Mouco puxo o 8-5 no marcador, e con calma foron metendo varios tantos máis. Os Ártabros meteron outro gol por baixo, pero un gol de Óscar puxo aos pontevedreses por diante, seguindo cunha defensa férrea que impedía que os de Oleiros rematasen as súas xogadas. 

Chegouse así ao resultado de 11-17 a falta de dez minutos para o remate. Nese momento o partido toleou, con continuas idas e voltas que non chagaban a ningures. Ningún dos dous equipos lograba combinar, e foron varias as xogadas que se interromperon mediante faltas, sen que en ningún momento se chegase a utilizar o xogo sucio. A falta de tres minutos os Ártabros meteron outro gol e víronse con ganas de darlle a volta ao marcador, pero finalmente os pontevedreses levaron os dous puntos, co resultado final de 4-2 (14) para os Ártabros e 2-11 (17) para o Pontevedra. 

O bo ambiente no campo trasladouse ao barrio do Orzán, onde os xogadores compartiron unhas empanadas e unhas cervexas no terceiro tempo.

O Pontevedra FG sitúase cuarto na clasificación, mais empatado a puntos co primeiro posto.

A seguir traballando.

LUME!