Historia

Eran principios de 2013, cando varios rapaces pontevedreses comezaron a interesarse por este deporte practicamente descoñecido na cidade, e que comezaba a ser practicado nalgunhas vilas do país.

Atraídos por un xogo nobre, unha idea romántica dun deporte popular que conserva os seus valores orixinais, unha alternativa aos deportes máis seguidos da cidade... este grupo de mozos comezou a traballar para tentar xuntar uns cantos amigos cos que, pouco a pouco, poder ir facendo adestramentos.

Pouco tempo despois, o seu traballo daba resultado, e un grupo dunhas dez persoas estaba preparado e disposto para comezar con este lindo proxecto. Tras varias reunións, decidiuse adoptar o nome da cidade para o club, así como facer clara referencia á mesma no noso escudo; para as cores, o verde, cor que nos rodea cada dia das nosas vidas no noso país. Logo de realizar as xestións oportunas, e de contactar coa xente con máis experiencia para que nos botara unha man, estabamos listos para comezar.

Era o 9 de marzo do 2013, e o Pontevedra Fútbol Gaélico botaba andar...

Atopabámosnos entón con novos problemas. Ante as repetidas negativas da Concellería de Deportes de Pontevedra para facilitarnos un campo e comezar a adestrar, vémonos na obriga de adestrar nun pequeno campo abandonado situado fóra da nosa localidade, no concello de Poio, sen vestiarios nin duchas, coa herba en bastante mal estado, cheo de pedras, sen iluminación, e moi próximo á autoestrada, o que provocou que máis dun balón se perdese, co que iso significaba para a máis que humilde economía do club. Co tempo, este pequeno campo no que demos os nosos primeiros pasos, foi denominado cariñosamente coma "O Patatal".

Logo de varios meses no Patatal, e coa Liga Galega xa apiques de comezar, conseguimos un campo en condicións para adestrar, na Xunqueira. Máis, novamente a Concellería, esta vez por incompatibilidade de horarios, negábanos un campo para disputar os xogos da Liga Galega, polo que non tivemos máis remedio que emigrar da cidade máis unha vez, e xogar no Campo do Carrasco en Marcón, onde nos acolleron de forma espectacular.

O club consolidouse con máis de 25 xogadores, e cada día con máis ilusión e máis motivación para seguir mellorando. A primeira Liga Galega serviría de mera aprendizaxe, remataríase na 5ª posición, sen lograr vencer ningún partido, mais conseguindo cada vez resultados máis apertados.

O primeiro grande éxito do club chegou no primeiro Torneo Ibérico disputado, o da Coruña. Alí, entre 15 clubs de toda a Península, esta equipa de principiantes acadaría un máis que meritorio 7º posto eliminando, entre outros, ao club local. Alí quedaría gravado a ferro o grito que se convertería no lema do club: "Lume!"

Na primeira Copa Galega, o equipo xa competiu de igual a igual, e repetiríase o 5º posto da liga, mais nesta ocasión con 8 clubs, e a un paso de chegar ás semifinais.

A segunda tempada da historia deste modesto club non podería comezar mellor. Con ilusión se agardaba as convocatorias dun amigábel que a selección nacional galega disputaría no mes de agosto fronte a Madrid, e tres xogadores e unha xogadora do Pontevedra FG serían convocados coa selección por primeira vez na historia do club. Ademais, terían actuacións relevantes o día do seu debut e contribuirían activamente en sendas vitorias acadadas.

Pouco despois, chegaba unha das citas máis importantes da curta historia do PFG, o Campionato Europeo, que se disputaría en Madrid, e onde os de Pontevedra rematarían na 7ª posición. O mero feito de ter disputado este campionato xa supón un éxito por si só debido ás grandes dificultades que houbo que superar. Para o recordo e a modo de anécdota, queda a chegada de boa parte do cadro ao estadio apenas unha hora antes do primeiro partido, nunha furgoneta alugada e tras facer máis de 600 quilómetros durante toda a noite, namentres os rivais chegaban en autobus após durmir toda a noite no seu hotel.

Unha nova aínda maior chegaba ao pouco tempo. Creábase, por fin, o equipo feminino.

Avanzada a pretempada chegaba a disputa do I Trofeo Cidade de Pontevedra, co debut ademais, do recentemente creado equipo feminino. Remataría con dúas claras derrotas, mais cun trofeo que se agardaba se convertese en histórico có paso dos anos.

A segunda liga comezaría con problemas, os partidos coma locais deberían disputarse novamente no exilio. Esta vez, a máis de 20 quilómetros de Pontevedra, no Concello de A Lama, no Campo de Racelo. Iso si, por primeira vez, a liga contaría coa presenza das dúas seccións do club, a masculina e a feminina.

A Liga galega transcorrería con tranquilidade para as dúas seccións. O equipo feminino comezaría realmente forte, colocándose na terceira posición gran parte da tempada, mais unha frouxa segunda volta tras un baixón físico na parte final da competición relegaría ás mulleres do Pontevedra FG ao sexto posto ao remate da liga. O equipo masculino non pasaría apuros e repetiría o quinto posto do ano anterior tras vencer seis partidos, conseguindo non pasar apuros e rematar lonxe dos postos de descenso.

Xusto tras o remate da Liga galega chegaban dúas grandes novas que farían medrar aínda máis o club. A disputa da II Rolda do Torneo Ibérico en Barcelona, no que o Pontevedra obtería un meritorio quinto posto no desprazamento máis longo da historia do club até ese momento.

Pouco despois produciríase un feito histórico. Na IV Rolda do Torneo Ibérico da Coruña, o Pontevedra presentaría por primeira vez tres equipos (un feminino e dous masculinos).

Lume!

Ningún comentario:

Publicar un comentario