Fútbol Gaélico


O fútbol gaélico (en irlandés peil) é un deporte xogado principalmente en Irlanda. É, xunto co hurling, un dos dous deportes con máis espectadores en Irlanda e o deporte nacional dese país. O fútbol xógase por equipos de quince persoas (en Europa Continental os equipos están formados por once xogadores) nun campo rectangular con postes en forma de H en cada un dos dous extremos. O obxectivo principal é marcar pateando ou golpeando a bola coa man e conseguir que atravese a portería. O equipo que máis puntos teña ao final do partido gaña (os goles valen tres puntos e os tantos a paus, un). Os xogadores manexan o balón polo terreo de xogo cunha combinación de portar, facendo un só (soltando o balón e, sen deixalo caer, darlle có pé de novo de volta cara as mans), pateando e pasando coa man (sempre golpeando, nunca arrastrando) aos seus compañeiros.

As estatísticas amosan que este deporte foi gañando máis espectadores que calquera outro en Irlanda; os datos do ESRI indican que supón o 34% das audiencias deportivas en Irlanda, co rival máis próximo, o hurling, chegando a un 23%.

O fútbol é un dos catro deportes gaélicos organizados pola Asociación Atlética Gaélica (GAA), a organización deportiva máis grande de Irlanda, con máis de 800.000 membros. Hai unha regra estricta sobre o non profesionalismo e o cumio deste deporte é a final do All Ireland, o campionato inter-bisbarras. Crese que o xogo descende do antigo fútbol irlandés coñecido como caid, da época medieval, malia que as regras modernas non se estableceron ata 1886.

​O fútbol gaélico tamén se xoga en países fóra de Irlanda, non só por membros da diáspora irlandesa. Está medrando en popularidade internacionalmente. Os equipos de Londres e Nova Iorque compiten cada ano no campionato de fútbol All Ireland, o nivel máis alto deste deporte. Un xogo híbrido, o fútbol de regras internacionais, permite partidos internacionais como as Series de Regras Internacionais entre Australia e Irlanda.

Na Galiza, A Coruña Fillos de Breogán foi o equipo pioneiro (fundouse en 2010). O club medrou de tal xeito que agora conta con equipo feminino (A Coruña Fillas de Breogán) e equipa filial (Ártabros de Oleiros). Compite no Campionato Ibérico xunto có resto de equipos da Península.​

​​Terreo de xogo

Un campo gaélico é similar ao de rugbi, mais algo máis longo. O terreo é rectangular, de 130 a 145 metros de longo e de 80 a 90 metros de largo, aínda que aquí adaptamos campos de rugbi ou de fútbol. Hai postes con forma de H en cada extremo ao longo, compostos de dous postes, que adoitan ser de sete metros de alto, separados en 6,5 metros, e conectados a 2,5 metros por un longueiro. As liñas márcanse aos 13 metros, 20 e 45 desde cada liña de fondo. Os campos máis pequenos e porterías máis pequenas empréganse para o campionato feminino, xa que xogan sete contra sete.

Duración

A maioría dos partidos de fútbol sénior e xuvenil duran sesenta minutos, divididos en dúas partes de trinta, agás os partidos inter-bisbarras sénior, que duran setenta minutos (dúas partes de 35). Os empates dirímense en repeticións ou en prórrogas de vinte minutos (dúas metades de 10). Para os nenos de menos de doce anos, hai unha metade de vinte ou 25 minutos nalgúns casos. O intermedio dura sobre quince minutos. Non obstante, no Campionato Ibérico xóganse torneos en formato maratón, có que os partidos adoitan ser de 25 minutos divididos en dúas partes de 15.

Equipas

As equipas en Irlanda fórmanas quince xogadores (un porteiro, dous laterais, un zagueiro, dous carrileiros, un central, dous mediocentros, dous aleiros, un dianteiro, dous extremos e un dianteiro centro) máis quince suplentes, dos que cinco poden ser empregados. Cada xogador ten números do 1 ó 15, comezando polo porteiro, que debe vestir unha camiseta de diferente cor á dos seus compañeiros. Na Europa Continental, as equipas fórmanas once xogadores: porteiro, dous defensas, dous medios defensas, dous mediocentros, dous medios dianteiros e dous dianteiros. A disposición é pois de cinco liñas de dous xogadores de campo. A marcaxe é individual, polo que a condición física é fundamental para facer unha defensa axeitada. Na competición feminina, as escadras son de sete xogadoras: porteira, dúas defensas, dúas mediocentros e dúas dianteiras.

Balón

Xógase cun balón de coiro composto por dezaoito paneis de coiro cosido, parecido a un balón de balonvolea, cunha circunferencia de 69 a 74 centímetros e un peso de 370 a 425 gramos cando está seco. Pode ser pateado ou pasado coa man.

Faltas técnicas

As seguintes son as consideradas falta técnicas:

- Coller o balón directamente do chan (debe ser picado ás mans cos pés). De tódolos xeitos, no fútbol gaélico feminino, pódese coller o balón directamente.

- Lanzar o balón (debe ser pasado golpeándoo co puño).

- Dar catro pasos sen soltar, botar ou facer un só có balón (Facer un só implica patear o balón cara as mans).

- Botar dúas veces seguidas o balón (débese facer un só polo medio).

- Meter un gol cun pase (porén, o balón pode ser golpeado có puño ou con calquera parte do corpo a gol cando se remata un pase ou un rexeite).

- Balón na área ou fóra de xogo: se, no momento no que o balón entra na área pequena xa hai un xogador atacante dentro este non podera rematar, se o fai sinálase falta en ataque. Nembargantes este podera pasar o balon a outro xogador fora da área pequena.

- Cambiar de mans: pasar o palón da man dereita á esquerda ou viceversa. Legal no fútbol feminino.

Marcar

Se o balón pasa por riba do longueiro, márcase un punto e o xuíz de meta levanta unha bandeira branca. O punto pode ser conseguido pateando o balón por riba do longueiro, ou dándolle unha puñada. Se o balón entra por debaixo do longueiro, é gol, que suma tres puntos, márcase cunha bandeira verde. O gol só se pode marcar pateando o balón ás mallas, non se pode dar unha puñada á bóla. Porén, un xogador pode darlle có puño ao balón ou con outra parte do corpo e marcar gol se a bola vén dun pase doutro xogador ou se antes deu no chan, no poste ou no longueiro. A portería deféndea o porteiro. Os puntos amósanse no formato {total de goles}-{total de puntos individuais}.

Entradas

O nivel das entradas permitidas é máis duro ca no fútbol, pero menos ca no rugbi.

O contacto ombreiro con ombreiro e quitarlle o balón da man ao rival está permitido, pero o seguinte é considerado falta:

- Usar as dúas mans na entrada.

- Empurrar a un rival.

- Golpear a un rival.

- Tirarlle da camiseta a un rival.

- Bloquear un tiro cos pés.

- Segar.

- Poñer cambadelas.

- Tocar ao porteiro cando está na área pequena.

- Loitar a bóla cando está nas mans do rival (agarrala)​​​​.

Continuación do partido

- O partido comeza cando o colexiado guinda o balón cara arriba entre o catro mediocentros.

- Cando un atacante manda o balón máis aló das porterías, marcando un punto ou un gol, o porteiro debe patear o balón desde a liña de 13 metros. Todos os xogadores deben estar alén da liña de 20 metros.

- Cando un defensa manda o balón alén das porterías, un atacante terá un "45" (libre directo) dende o campo no lugar da liña de 45 onde se foi a bóla.

- Logo de que o balón saia pola liña lateral, a outra equipa terá un saque de banda no lugar por onde saíu. O xogador que saca non pode sobrepasar a liña de banda mentres o fai.

- Despois de que un xogador cometa unha falta, a outra equipa terá un tiro directo. Pode patear o balón desde o chan ou desde as mans.

- Se un xogador sofre unha falta cando está a pasar o balón, o tiro libre sácase desde o lugar onde caia a bóla.

- Logo de que un defensa cometa unha falta na área pequena, o outro equipo tirará un penalti desde o chan no centro da liña de 11 metros. Só o porteiro pode estar na portería.

- Se varios xogadores están a loitar pola bóla e non está claro quen fixo falta antes, o árbitro debe lanzar o balón ao aire entre os dous oponentes.

Colexiados

Un partido de fútbol é arbitrado por oito colexiados:

- O árbitro.

- Dous xuíces de liña.

- Árbitro de banda (só para os partidos inter-bisbarras).

- Catro auxiliares (dous en cada fondo).

O árbitro é o responsable de comezar e parar o xogo, anotando o marcador, concedendo os tiros libres e sancionando e expulsando aos xogadores.

Os xuíces de liña son os responsables de indicar a quen corresponde sacar de banda ó árbitro. O cuarto oficial é responsable de comprobar as substitucións e indicar o tempo de desconto (indicado a el polo árbitro) e os xogadores serán substituídos empregando unha táboa electrónica.

Os auxiliares indican o marcador. Sinalan ao árbitro se un tiro foi: fóra (estendendo os dous brazos), un tiro da liña de 45 metros (levantando un brazo), un punto (ondeando unha bandeira branca), balón na área (brazos cruzados) ou un gol (ondeando unha bandeira verde). Unha anotación rexeitada indícase cruzando as bandeiras verde e branca.

Contrariamente á crenza popular, os colexiados non están na obriga de indicar calquera falta ao árbitro, pero se lles permite informar da conducta violenta da que sexan testemuñas e da que non se decatase o árbitro. Un liña ou un auxiliar non poden informar os árbitros das faltas técnicas como o "dobre bote" ou cando levantan de forma ilegal o balón do chan. Ese tipo de decisións só as pode tomar o árbitro principal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario