luns, 7 de abril de 2014

VIVA O FÚTBOL GAÉLICO GALEGO!

Todas as espetativas postas antes de desputar o Campionato Ibérico foron amplamente superadas, en todos os aspetos. A gran festa do fútbol gaélico galego non defraudou, nin moito menos, e sen dúbida converterase nunha experiencia inesquecíbel.


No ámbito deportivo, destacar o séptimo posto acadado polo Pontevedra FG, moito traballo e moito sacrificio custou. 
Tras caer na fase de grupos nun igualado xogo fronte aos Irmandinhos, a loita polo séptimo posto enfrontaba á equipa verde contra os Ártabros e os Fillos de Breogán. Logo do empate contra os primeiros, a posterior vitoria fronte ao decano do fútbol gaélico galego, nun xogo épico e tras remontar por duas veces, deixaba aos de Pontevedra séptimos clasificados no Campionado Ibérico, e terceira mellor equipa galega no mesmo.

Por outra banda, destacar o papel do noso filial, o Sean Droichead, que acadou o décimo posto do campionato, tras vencer no derradeiro xogo aos Braithreachas, nunha agónica tanda de penaltis na que o porteiro pontevedrés se erixiu coma heroe tras deter un lanzamento decisivo para lograr a vitoria. 

Por último, merece especial mención a presenza dunha das nosas rapazas, que tivo un destacado papel coas Fillas de Breogán. Agardamos seguir traballando neste aspeto e poder ter en pouco tempo a nosa propia equipa feminina.

Con traballo e ilusión todo chega, e o Pontevedra FG é unha grande mostra disto.

Alén diso, non podemos mais que parabenizar especialmente aos Fillos de Breogán, pola gran organización desta gran festa para o fútbol gaélico galego; ao Estrela Vermelha, polo grandísimo campionado realizado, chegando nin máis nin menos que á final; ás Irmandinhas, acadando mais unha vez o segundo posto, aos debutantes do Sean Droichead e Braithreachas, polo seu enorme papel e sacrificio; e como non, aos Madrid Harps, por sendas vitorias nos campionatos masculino e feminino.

Mais, sobre todo, a todos os clubes galegos de fútbol gaélico, até os que non puideron asistir nesta ocasión, por facer que todo isto sexa posíbel, polo ambiente de irmandade que se vive entre as diferentes equipas e xogadores, e porque sodes os mellores.

VIVA O FÚTBOL GAÉLICO GALEGO!

LUME!





Ningún comentario:

Publicar un comentario